Iso que din que está caendo acabou con “Preescolar na casa”, un programa educativo do máis innovador, útil e exportable ao mundo que creou en 1977 o crego lugués do barrio do Catasol, humilde, orixinal e visionario, que se chamaba Antonio Gandoy e andaba con chaqueta de punto gris –que diciamos “vespa”- en bicicleta. “Preescolar na Casa” foi unha estratexia educativa patrimonio inmaterial galego e, como tal, debera estar protexido. Pero só quedará na memoria de quen traballou nel, de quen soubo da súa valía e, sobre todo, de quen aproveitou as súas virtualidades. Non hai nada máis produtivo en educación que un proxecto para actuar sobre a familia e multiplicar así os resultados. Elevar o nivel cultural e cooperativo das familias para educar nos primeiros anos a proxenie é unha inversión que optimiza os resultados pedagóxicos como ningunha.
Nado da necesidade da igualar oportunidades no noso disperso habitat, fiel á crenza das potencialidades da parentela educadora, salvagarda da lingua e da cultura no rural, asesorou a milleiros de familias para desenvolver as primeiras habilidades que ha conquistar canto antes quen non pode asistir á escola. O desenvolvemento das primeiras aprendizaxes era dirixido polas persoas coas que convivía a criatura mentres medraba.
Fomentaba a acción dos adultos no desenvolvemento doméstico da educación globalizada da xente miúda e promocionaba fundamentalmente a educación en valores ata o punto de cumprir os requisitos dunha orientación pedagóxica recomendada pola comisión de ministros da Unión Europea que solicitou aos ámbitos políticos que tomen as medidas necesarias para apoiar a implicación das familias nos programas educacionais.
Preescolar na Casa foi un servicio que nada ten que ver cos que prestan as escolas infantís. Chegaba ás familias a través das reunións periódicas de adultos e meniños cos orientadores, da súa estupenda revista e dos medios de comunicación. Pero nin as 40.000 firmas recollidas a favor da súa continuidade foron suficientes para parar iso que din que está caendo e alá vai un programa de prestixio internacional que este curso aínda atendeu a 4.000 familias repartidas en 267 concellos a través dos 660 espazos onde se compartían experiencias e se analizaban as actividades. Aquí queda esta pequena homenaxe.
NON HAI ENTIDADE PRIVADA QUE QUERA FINANCIAR O PROXECTO DE “PREESCOLAR NA CASA”?????,OU A REALIZACIÓN DE ACTOS PARA XUNTAR FONDOS E CONTINUAR???CONCERTOS OU EXPOSICIÓNS DE ARTISTAS GALEGOS,UCHAS NOS BARES??? A 1 EURO POR CABEZA!!!???
Gustaríame que así pasase. Pero a administración creo que tería que apoiar un proxecto tan proveitoso. Neste momento hai unha recollida de sinaturas para que pasen para PnC os cartos que se lle dan á Fundación Cela. Graciñas polo teu interese.
Eu quero asinar esa proposta, non a vin por ningures.
PnC era máis que un medio escolar, era un lugar social onde nais,avoas, tías, madriñas ou padriños, pais ou irmáns maiores se xuntaban para aprender uns dos outros, onde as familias inmigrantes atopaban un apoio para ver de que ía esto , onde cada dúas semanas comentabamos os progresos dos nosos fillos e viamos as súas caras ao ver chegar a/o profe que lles ía ensinar a canción, ou prestarlle o puzzle, ou xogar á barca, ou montar o túnel…Isto non ten nen pes nin cabeza, é outra maneira máis de acabar co rural e cos menos “poderosos”. Lástima que no hablemos castellano, así a lo mejor nos tenían más en cuenta. Calo porque non quero emporcar o teu territorio, Helena.
Eu tamén fun testemuña de todas esas cousas que contas cunha veciña amiga e o seu netiño que agardaban polo día das xuntanzas como polo santo advenimento. E tamén sei que o rural se vai resentir. Unha aperta.
[…] Preescolar na Casa tirardofio.wordpress.com/2012/07/05/preescolar-na-casa/ por raxozorza hai 2 segundos […]
Grazas polo interese.
[…] Ver artigo en tirardofío […]