Inicio » Artigos » RIANXO, UN PARAÍSO DE IMAXES

RIANXO, UN PARAÍSO DE IMAXES

Setembro 2012
L M M X V S D
« Ago   Out »
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

Introduce o teu enderezo de correo electrónico para subscribirte a este blogue e recibir notificacións dos novos artigos.

Únete aos outros 37 segidores

Poida que fagamos unha hipérbole, que tamén esaxera a frase que intenta atraer turistas a estas terras da Arousa cun eslogan parecido, pero ímonos atrever a dicir que Rianxo é un paraíso para quen ande a procura de imaxes fotográficas. Falo de vila, parroquias, territorio, ceo e mar. Do Rianxo enteiro. Este recanto, pequena fisterra pola parte sur, ofrece unha chea de posibilidades para perpetuar momentos, resaltar detalles, captar matices da luz, cazar metáforas ou privilexiar puntos de vista, que todo isto ven a facer quen pón en marcha o obxectivo dunha cámara fotográfica con máis ou menos fortuna.

Para os amantes da arquitectura popular, aínda conserva as trazas dos devanceiros. Desde o campo comunal de hórreos de Meiquiz ata as enormes graneiras do Araño ou de Viturro, hai unha variedade moi ampla destas construcións, que reciben nomes ben diferentes en Galicia. Abandonadas, en uso agrícola e mesmo como elemento decorativo, teñen características propias do territorio mostrando non obstante ben diversas facturas e remates. Confeso o meu gusto polos cumes en forma de castelo e a sorpresa de ver o gato entronizado como defensor do millo contra a ratume. Hai tamén abondosos pombeiros, exentos ou na parte superior das casas, pasadoiros nas paredes das fincas e un que outro pousadoiro de feixes cabo dalgunha porta. Abondan os cruceiros e non esquezo tampouco as fontes-lavadoiro, as parras do aire e outros elementos importantes como os milenarios petróglifos que se espallan polas laxes. Verbo do mundo vexetal, avanzou demais a arboreda foránea, pero hai un xardín en cadansúa casa, florecidos a maior parte do ano coas máis variadas especies, mesmo de plantas que nos nosos habitats veñen sendo do interior. As rosas e as camelias son un cebo excepcional para quen anda á pesca destas raíñas das flores.

DANZA DAS AUGAS EN SETEFOGAS

DANZA DAS AUGAS EN SETEFOGAS

A súa condición de fisterra nunha ría con illas e illotes incrustados na paisaxe mariña e serras de separación dos ríos que lle entregan as augas, configura solpores singulares reflectidos no mar, que nalgúns días son ouro líquido por uns intres. Singulares os que poden fotografarse desde o Monte da Pena onde un que outro eucalipto solitario serve de contraste en primeiro plano e mesmo queda fermoso a contraluz.

Pero son as augas quen enchen as fantasías desta miña afección aparecida ao borde da Arousa. Hai marabillas ocultas nas pucharcas que deixa un trebón onde aparecen mesturadas luces, reflexos, sombras e restos de vexetación morta ou semiviva que todo xunto acaba configurando marabillosos cadros que chegan ata o abstracto. O pavimento de granito luído da vila, ben mollado e con auga almacenada nos desniveis, devolve edificios volcados e fai cadrar toda clase de liñas xeométricas e variedade de cores que aparecen aínda arriquecidos cando na Praza de Castelao hai colocadas luces que iluminaron a verbena da noite anterior.

E que dicir do mar, protagonista e esplendoroso medio? El é quen dá máis posibilidades de contidos. As faenas de pesca e marisqueo, as embarcacións, a presenza da visitante e elegantísima garceta que pasea pola ribeira, o momento de secado ao sol dos corvos mariños, a riqueza cromática e de textura dos refugallos deixados polas marés, as diferentes pegadas que aparecen nos areais…

VERBENA DA GUADALUPE

VERBENA DA GUADALUPE

E quero facerlle honra ao lugar privilexiado para os reflexos e as deformacións das ondas que orixina o vento nas cheas, que é Setefogas. Dalgunha fotografías que teño tomado nesas circunstancias, unha vez traballada coas ferramentas que hoxe poñen ao noso alcance os programas informáticos, ten dito a pintora Ana Costas que evoca un cadro de Hundertwasser. Tamén nisto debe haber bastante hipérbole, pero as imaxes si que son sorprendentes.

Advertisements

2 Comentarios

  1. Ainda hei de conhecer este pedaço de céu, Profa. Helena. Emociono-me ao vê-la falar dele,
    Meus cumprimentos.

  2. Ben sabe Vde. que a recibiremos con moito cariño. Non demore moito a súa visita. Un grande abrazo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: