Inicio » Discurso

Category Archives: Discurso

ENTREGA DUNHA FILLA DA FIGUEIRA AO XARDÍN BOTÁNICO DE PADRÓN. RECORDO-HOMENAXE A D. AVELINO POUSA ANTELO.

Sr. Alcalde,

Sr. Conservador do Xardín Botánico,

Moi estimado Avelino Pousa,

Profesorado e alumnados dos centros de Padrón

Amigas e amigos:

É para min unha honra facerlle entrega ao Concello de Padrón, en nome da Fundación Rosalía de Castro, dunha neta da figueira que lle foi contemporánea na horta da hoxe Casa-Museo, e que, desde agora, medrará neste espazo público e emblemático aportándolle o engado do espírito rosaliano.  Rosalía, a cantora por excelencia da natureza galega e coloxista “avant la lettre”, referiuse moitas veces ás figueiras, o que é signo do amor que lles profesaba.  A figueira con frecuencia aparece en Cantares Gallegos. Vaian como exemplo tres poemas. No que inicia o libro, é creadora do escenario que incita o canto louvador de Galicia que se lle pide á rapaza:

…Cantaban os grilos,

os galos cantaban,

o vento antre as follas

ruxindo pasaba.

 

  Campaban os prados,

manaban as fontes

entre herbas e viñas,

figueiras e robres.

No número trece, reaparece a figueira para concretar físicamente a saudade da terra que sente o emigrante obrigado a abandonala:

Adiós, ríos; adiós, fontes;

adiós, regatos pequenos;

adiós, vista dos meus ollos:

non sei cándo nos veremos.

 

    Miña terra, miña terra,

terra donde me eu criei,

hortiña que quero tanto,

figueiriñas que prantei,…

Xa no número trinta, a figueira destaca de xeito lúdico a capacidade que ten a árbore farturenta para, na súa sazón, lle pór remedio a unha fame xeralizada daquela entre os máis humildes:

Rica figueira,

que Dios te bendiga,

que hasme, abofé,

de fartar a barriga.

En Follas novas e no inicio do poema TERRA A NOSA, a figueira representa a comuñón cos antergos na fala propia que, gracias ao atractivo da da súa frondosidade, permite que aconteza a carón do propio lar:

Baixo a prácida sombra dos castaños

         do noso bon país;

baixo aquelas frondosas carballeiras

         que fan dose o vivir;

cabe a figueira da paterna casa,

         que anos conta sin fin,

¡que contos pracenteiros, que amorosas

         falas se din alí!

A Fundación Rosalía de Castro fai entrega, xa que logo, de parte dunha prenda amada da cantora. Con ela queremos simbolizar o desexo da poeta de continuarmos no tempo e a fraternidade que debe existir entre esta as dúas institucións para poñer todo o seu empeño en que a memoria de Rosalía de Castro sexa transmitida, tamén por medio das cousas máis visibles, ás xeracións que nos sucedan.

 6 DE XUÑO DE 2006

NB/ Esta figueira, e outras irmás, foran conseguidas pola paciencia e dedicación de Avelino Pousa Antelo enraizando pugas de figueira da Horta da Paz para evitar que se perdera esta xoia sen sucesión.

FICARIA

FICARIA

CARTA DE CESAMENTO

Follas no xardín da Casa de Rosalía

Follas no xardín da Casa de Rosalía

A Matanza –Padrón- 12 de abril de 2012

Aos Srs. Membros do Padroado da Fundación Rosalía de Castro

No pasado mes de outubro, de xeito informal, comuniqueille á Comisión Executiva a intención de presentar o cesamento na Presidencia durante o último trismestre deste ano para que a miña marcha non interrompese no mes de xullo de 2013, data na que se cumpren os oito anos do mandado, a unidade de goberno que precisa a celebración do sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos.

Unha serie de declaración de certos membros do Padroado a La Voz de Galicia os días 12, 14, 15, 23 e 24 de febreiro, con datos falseados e malintencionados (o que me obriga a rectificalos en parte como presidenta da institución o día 19) precipitaron a miña marcha e hoxe presento perante Vdes.  o cesamento irrevogable como presidenta e nas representacións que ostento no seu nome: Consello da Cultura Galega, Museo do Pobo Galego e Fundación Otero Pedrayo.

Hai dúas maneiras de chegar ao fracaso. Unha, pedir o imposible. Outra, aprazar o irremediable. Pedir o imposible: dos días nos que se reuniu a Comisión Executiva para preparar este Plenario, o xornal aparecía informado. Sería polo tanto imposible que eu seguise coa confianza que require un labor que non se pode facer a golpe de denuncias nin comunicados de prensa. A Fundación Rosalía é unha institución seria que non pode estar mediatizada, e menos desde dentro, con fins espurios. Aprazar o inevitable: Afortunadamente, os novos Estatutos limitan o tempo de permanencia dos cargos directivos e dos padroeiros non vitalicios nin institucionais a oito anos (artigos 17 e 12  respectivamente) e non ten sentido prorrogar a estancia por máis tempo.

Nin a miña chegada –producida nun Plenario anómalo e baixo unha chantaxe aceptada para sacar a Fundación da provisionalidade na que levaba inmersa 7 meses- nin a miña marcha acontecen en situación de normalidade. Posiblemente tiña que ser así. E así foi. Mentres permanecín á fronte da Fundación máis emblemática e que coida un dos grandes espazos simbólicos de Galicia, tratei de servir a Rosalía o mellor que souben e o mellor que puiden. Este traballo non se pode realizar en solitario pero tampouco se poden elixir con total liberdade as compañías. Tiven sorte con elas e agradezo, no momento da despedida, o traballo dos meus colaboradores dedicándolle un recordo ao profesor Alonso Montero, convaleciente dun percance que non lle permite acompañarnos. Agradezo tamén o apoio das traballadoras e moi especialmente o da xerenta que foi o soporte imprescindible das moitas e variadas actividades que durante estes case sete anos levou a cabo a Fundación.

Quero ser grata tamén aos membros do Padroado que asistiron ás xuntanzas e arrouparon os nosos actos. E dun xeito moi especial á xenrosidade das institucións e persoas que creron nun proxecto de Fundación que non puiden presentar diante dos meus electores, pero que serviu para me abrir moitas portas cando houbo que ir solicitar axudas económicas ou de calquera outro tipo. Hoxe aquel proxecto de Fundación vertebrada, plural e democrática é unha realidade e as institucións que o apoiaron economicamente foron fundamentais para conseguilo.

A partir de agora mesmo, o artigo 17 dos estatutos indica o procedemento que se ha seguir para a sucesión á que se lle marca un prazo máximo de dous meses. Tratei de servir, como deixo dito, a causa de Rosalía con total  xenerosidade, o que tamén me custou diñeiro e moito tempo. Pero non se me oculta que a causa rosaliana pode servirse con igual eficacia en diferentes ámbitos e foros. E este será un labor ao que seguirei dedicando a miña entrega.

Asdo: Helena Villar Janeiro

ENTREGA DA XXIV EDICIÓN DO PREMIO EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN (2011)

Autoridades e representacións, amigos e amigas desta festa da poesía, poeta gañador, benvidos ao acto de entrega do Premio “Eusebio Lorenzo Baleirón”.

Concebimos este acto cultural, en primeiro lugar, como unha homenaxe, no aniversario da súa morte, ao poeta que naceu aquí e foi un veciño máis, aínda que el fose das poucas persoas que saben atopar a expresión lírica e facer dela o mellor xeito de falar do mundo e das vivencias da súa temperán madurez. Por mor da súa obra, Eusebio foi un poeta solidario convosco, pois dignificou a cultura e a lingua que vos é propia e tamén nos é propia ás mulleres e aos homes de Galicia.

Por iso, Eusebio Lorenzo Baleirón mereceu que a veciñanza se esforzase en manter viva a súa memoria con dous feitos importantes para a permanencia do seu nome, que o son tamén para a poesía. O primeiro, crear e manter este premio que chega xa á súa vixésimocuarta edición co  poemario “CON GUME DE FOLLA HUMIDA”, da autoría de Isaac Jubín. O segundo, poñerlle ao Centro que nos acolle o nome do gran poeta de versos nidios como o cristal, cada vez máis admirado polos lectores e pola crítica.

Con Eusebio Lorenzo Baleirón como gran mestre de cerimonias, tomamos cada ano contacto con outro artista que ten un compromiso coma el coa lingua propia de Galicia e coa poesía, e levará xa por sempre un libro unido ao seu benquerido e recordado nome. Aquel grande innovador nacido en Dodro, tan admirado polos lectores e os críticos, o poeta que se converteu nun clásico mesmo antes de tempo, é hoxe un promotor de poetas, mulleres e homes de toda Galicia, que consideran este certame un fito realmente importante na consolidación da súa carreira literaria.

Isaac Jubín é o último poeta, que non o derradeiro, que chega ao certame coa grande ilusión, ademais de recibir un premio, de que lle devolvan un libro editado capaz de chegar a moitas mans e a moitos corazóns, e de conmovelos cos seus versos. Como tamén fixera Eusebio Lorenzo, navegou polas profundas augas do manancial poético que poucos son capaces de atopar no seu interior; propiciou coa súa busca a transformación do perecedeiro en permanente; profundizou nos enigmas do amor, que é o fenómeno humano máis liberador de todos, do tempo e da morte; camiñou de xeito privilexiado polas diversas paisaxes que aglutinan cara adiante e cara atrás, uníndonos aos outros por encima do tempo; e achegouse  con vivencia persoalísima ao mar propio de cada un, que é esa redondez, ese grande tamaño lírico, esa envoltura global na que soñamos mergullarnos como quen retorna ó útero materno.

Isaac Jubín coñece ben o oficio de poeta porque xa leva tempo traballando e ten publicados os seus traballos. Podemos afirmar, ademais, que sabe ben o oficio de versificar porque o xurado considerou que o seu libro era o merecedor de ir unido ao nome de Eusebio elixíndoo entre case a corentena dos presentados.

É sabido que os poetas adoitan traballar na soedade que esixe o xunque de cristal no que se fraugan as metáforas e os ritmos, pero non se nos escapa que precisan de estímulos externos para proseguiren co seu traballo tras acadar metas que compensen o seu esforzo e a súa constancia creativa. Coa entrega deste premio comeza a nacer para o público o seu libro, un máis deses entrañables afillados do noso querido Eusebio, que para Isaac Jubín representa un banzo na súa subida.

POETA

POETA

Eu quero agradecer en nome do Concello a aceptación social dun certame que é tan coñecido, a ampla participación ano tras ano e o agarimos de todos vostedes en arroupar este acto no que a palabra poética se converte no mellor alimento colectivo.