O camiño das verbas

Cabeleira de pedra: o camiño das verbas

Para acceder ao percorrido de once poemas de Cabeleira de pedra (1993), de Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, nun mapa interactivo preme na seguinte imaxe:

View original post

HELENA VILLAR JANEIRO: «Amor por catro»

O MEU ANDEL

Amor-por-catroTer nas mans un libro de Helena Villar Janeiro xa é un luxo de por si. Máis de catro décadas de dedicación á escrita téñense que notar nun xeito de escribir diferente, pleno, desenfadado; téñense que notar nun oficio que se leva por dentro e que agroma en cada páxina. E máis aínda cando a autora, amais de recoñecida narradora, é unha brillante poeta, con todo o que iso implica respecto do estilo e do xeito de contar. E nese sentido, este libro non defrauda.

Dirixido ao público xuvenil, “Amor por catro” é unha recompilación de relatos que teñen en común a temática do primeiro amor, ese que só se vive unha vez na vida pero que deixa a máis fonda pegada no noso ánimo. Son só catro relatos, moi diferentes entre si en canto a situacións e en canto a espazo xeográfico (de Marraketch ao Camiño de Santiago), que…

View original post 277 palabras máis

Dez títulos para este verán

Originally posted on Caderno da crítica:
Dez títulos. Afortunadamente poderían ser moitos, moitos máis, e mesmo outras suxestións encadradas noutros xéneros as que tamén lle acaerían a estas datas como as que ofrece a poesía, con excelentes propostas que veñen aparecendo estes últimos meses, ou traballos ensaísticos que len como unha novela. Con todo,…

Valorar:

O deserto, de María do Cebreiro

Caderno da crítica

María do Cebreiro

O deserto

Apiario, A Coruña, 2015, 69 páxinas, 16 €

María do Cebreiro constrúe unha metáfora da vida nun dos libros máis salientables da súa celmosa traxectoria poética: «O deserto», un libro para ler e tocar.

Internarse polas páxinas deste libro supón un desafío, un reto suxestivo que conleva, implicitamente, predispor os sentidos para atopar outra cousa: algo, sen dúbida, esixente mais aseguro que nada frustrante; algo diferente mesmo no percorrido creativo que exhibiu, até o de agora, María de Cebreiro.

       E os sentidos que primeiro se esixen son a vista e o tacto por mor dese singular «continente» no que se envolve: o deseño que Apiario ideou  incorpora unha disposición acaída ao espírito do libro: unha invitación a establecer unha lectura parella á que se facía co formato dos devocionarios: oracións que se converten aquí en versos para meditar, para os que…

View original post 202 palabras máis

LINGUA(S) MATERNA(S)

XORNAL LÍRICO

XORNAL LÍRICO

No titular dunha entrevista de Mayra Machado á tradutora Yolanda Otero Alonso, en El Correo Gallego o pasado sábado, podía lerse: “La verdadera lengua materna es aquella en la que rezas y con la que haces cálculos”. O contido xa era máis rico en matices e pareceume un traballo de interese en tanto que no mundo globalizado hai diversidade de linguas en contacto e, sobre todo, moitas variantes sociolóxicas nesas linguas, decisivas para poder atribuírlles a característica de materna. A unha pregunta da xornalista, contestaba a tradutora nacer case trilingüe porque na casa dos Países Baixos onde naceu, seus pais –falando galego entre eles- con ela facíano en castelán e na escola estudaba en neerlandés. Está claro que era coñecedora pasiva da lingua galega aínda que non se expresase nela.

O idioma materno está ligado á familia. Cando pais e nais falan unha lingua entre eles e outra coas súas criaturas, os límites da lingua materna non son tan claros como cando non coexisten idiomas na familia. A lingua claramente materna de millóns de galegos ao longo da historia foi interferida polas institucións máis desgaleguizadoras: a Igrexa e a escola, que dispensaron o ensino máis valorado e ligado a fórmulas memorísticas. Para esas persoas, a lingua de cálculo e de oración, como fórmula pechada, foi o castelán. Aínda hoxe produce desazón ver como milleiros de galegas e galegos son soterrados nunha cerimonia na que se emprega un idioma escasamente falado por quen está de corpo presente. Do mesmo xeito, as lápidas dos nosos cemiterios están maioritariamente escritas nun idioma que nin foi aprendido na familia e nin case falado por quen repousan tras delas. En canto ao cálculo –así como á escrita de notas incluso para autoinformación- está ligado ao castelán, porque era aprendido na escola ou transmitido por quen alí o aprendera en uso moi formal. Se no medio de calquera conversa en galego alguén ten que facer referencia a desenvolver unha conta, automaticamente vai cambiar de idioma porque ten creado un automatismo moi difícil de substituír. Non obstante, a lingua galega dos falantes en todos estes casos é a materna. Isto tiña que ter cambiado, mais abonda saber en que lingua están alfabetizando unha crianza con só lle pedir que conte ou faga unha sinxela operación matemática. É unha proba tan sinxela como infalible.

Publicado en El Correo Gallego (10-04-15)

Múdome a Blogaliza

Desde hoxe estou en Blogaliza. Aquí podedes seguirme a partir de agora: http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

OBSOLESCENCIA

Estaba preparando eu este artigo para falar da emigración de noso, da que foi e da que ha ser, e morreume o ordenador. Agora escribo nun pequeno de prestado. ¡Que duro é comprobar a obsolescencia das cousas que se crían durables! A ese artiluxio tíñalle confiados os meus textos e as miñas imaxes. Nel tiña instalados programas que facilitan o traballo e, de súpeto, acabou todo en silencio. Na autopsia, se cadra aínda se pode recuperar algo. Será unha autopsia dirixida a  recuperar porque a causa da morte coñézoa ben -media taza de té polo teclado- e non vai haber terceiros que reclamen nin se meterá a xustiza, que ten moito en que se ocupar e, ademais, custaríame máis que un ordenador novo, que se ven de converter nun servizo para ricos.

Todo é efémero, ou dito con actualidade, obsolescente. Ata o que cremos ben instalado nas nosas vidas, costumes e crenzas pode desparecer porque marcha só ou nolo quitan outros. A perda dun traballo no que te crías seguro e a falta de soldada que inicia un desafiuzamento aprazado xa forman parte da obsolescencia. Ou a posibilidade de que che fagan e che toque un ERE se non te dedicas á política, que aí non se fan regulacións: se ten que marchar alguén porque non queda outra, reacomódase axiña. Se te botan dunha vivenda que estabas pagando, porque crías ter contas estables, e te atopas na rúa ou de regreso á casa familiar da que conseguiras a independencia, podes ver o efémero que se volveu todo.

Houbo cousas que duraron moito tempo pero caeron en desgraza cando menos se esperaba. Aí están o boi e a mula do portal de Belén, que pasaron estes días a ser dous simpáticos ocupas dun espaciño ao quente. Segundo o Papa, non estiveron no verdadeiro auto. Despois de tantos séculos, chegoulles tamén a súa caducidade. Non sei se conseguiremos recolocar a mente para facelos desparecer este ano a catro días de os ir deixando cabo dunhas pallas riba do mofo que adoita tapizar os nacementos te toda a vida. A estrela, da que tamén se ocupou nesta oportuna revisión de ben fondo calado teolóxico, parece que tivo sorte, porque pasou ao mundo científico, que é onde debe estar unha estrela que de súpeto se pon a alumar como un facho e se chama nova. ¿E as panxoliñas e os vilancicos? Pois haberá que poñerse a reciclar neles a todo gas, quitándolles a ungulada e o rumiante. A obsolescencia sempre acaba dando a lata.

TRAS DA FESTA

TRAS DA FESTA

MORTES NO OUTONO

Quen busca impenitente os derradeiros cogumelos de cada outono ve podrecer un bosque que vai entrando, pouquiño a pouco, na morte irremediable, pero salvífica e purificadora, na desaparición preñada de esperanzas porque esterca nova vida. Aínda que é o momento que elixen os paxaros e os insectos para calar soñando primaveras, a morte outonega conta co delicioso son das xa efémeras follas e vén perfumada de perezosas seivas e chea de sabores exquisitos. Ninguén mirando a fraga outonal faría un canto de tristeza permanente. Da podredume evidente para os sentidos, axiña se verán os novos froitos. Por iso é doado comprender que tal destrucción forma parte dun ciclo indispensable para a vida. Que só hai que agardar.

CASULO DE MILLO

CASULO DE MILLO

NA SOCIEDADE DO MEDO

Cremos que viviamos na sociedade das tecnoloxías e a comunicación, pero vivimos na sociedade do medo, aínda que a este medo non lle son alleas nin a tecnoloxía nin a comunicación porque o expanden como se fosen lévedo e tamén axudan a loitar grupalmente contra el. Incluso a elite social, que non se ve atenazada pola necesidade nin a súa previsión, vive nunha especie de limbo do medo porque empeza a ter en conta o mal xenio dos que saen á rúa na defensa do pouco que vai quedando daquela estabilidade na que cadaquén se conformaba co que lle tocara en sorte.

É doado imaxinar o medo que sente aquel que sabe que o van despedir do seu traballo e ten que levar á familia a noticia afundidora. E o de quen vai quedar sen a casa onde se goreceu, despois de ter pagado parte dunha hipoteca, e aínda levará a súa débeda ás costas. Non resulta difícil comprender a magnitude dese medo despois de que sete persoas puxesen fin á súa vida porque non resistiron tal presión. Tampouco custa poñerse na pel de quen quedou sen traballo tendo bocas que manter alén da propia e sen esperanza de atopar outro soldo. E como non vai ter medo o pensionista que cobra unha miseria e aínda debe pagar pola medicación da que a vellez lle obriga a depeder. E como vai estar tranquilo o pequeno comerciante ou empresario sabendo que a xente ten que facer números para poder comprar algo. Xa non digo nada da persoa estranxeira sen cobertura e o pánico que debe sentir pensando na enfermidade.

O medo vai estendendo os brazos como un polbo, porque tamén arrepía pensar en verte incurso nun caso xudicial non gratuíto cando a xustiza deixou de ser igual para toda a cidadanía. Un accidente de tráfico mete medo non só pola integridade física senón por ter que litigalo nun xulgado.

Ben grave ten que ser ese medo cando os colectivos que se encargan de executar as súas fontes empezan a negárense a actuar. E cando a banca di que asume o compromiso de paralizar os desafiuzamentos por razóns humanitarias. Dá xenio ver o humanitario que se volveu o tinglado financeiro que nos meteu na ruína, que pagou aos directivos retiros millonarios, que recibiu inxección de cartos públicos e que estivo ata o de agora botando xente dos pisos. É de louvar a actitude dos colectivos que perderon o medo a colaborar e a actitude de quen van perdendo o medo a defender publicamente os dereitos de todos.

DA SERIE "O MEDO"

DA SERIE “O MEDO”

NO NOMEAMENTO DUN FILLO ADOPTIVO

O próximo 24 deste mes, o Concello de Ribadavia nomeará fillo adoptivo ao Profesor e Académico Xesús Alonso Montero. Hai, xa que logo, que lle dar parabéns a este intelectual, incansable aos seus 84 anos.

Son moitos o seus méritos. E vou sinalar dúas experiencias que me son ben coñecidas. Non fun alumna del, pero na súa etapa de profesor no Instituto Maculino e na Escola de Maxisterio de Lugo, sei que fixo un traballo que calou fondamente. Eu, que dei clase a estudantes por libre, quedaba gratamente sorprendida polo cuestionario dos seus exames. Das súas aulas saíron moitos intelectuais e o seu maxisterio fixo época no que hoxe é o “Lucus Augusti” e na cidade. Explicou ben a literatura e deulle cabida á galega, feito daquela inusual e aínda punible. Coñecino persoalmente en 1972, cando publiquei o  primeiro libro de poemas, Alalás, e tiven a ousadía de levarllo ao mellor profesor de Literatura. Amablemente, díxome algo parecido a isto: “Vostede sabe o que é un poema. Pode seguir escribindo”. A fe na súa autoridade animoume a traballar para merecer con certa dignidade o nome de escritora que hoxe uso con orgullo.

A segunda, é o labor valioso desenvolto desde o Centro de Estudos Rosalianos, unha sección da Fundación Rosalía de Castro, do que podo dar fe ao longo dos case sete anos que eu ostentei a presidencia da mesma. Débolle a el, membro da Comisión Executiva da que hoxe segue a formar parte por esixencia dos novos estatutos, o traballo leal e comprometido co modelo de Fundación na que eu tamén empeñei o meu traballo e a miña enerxía. O profesor Alonso Montero, unha das persoas máis comprometidas cos estudos e a causa rosaliana, valorou, coa mirada moderna que é compartida pola grande maioría dos museos, as publicacións para a infancia e a presenza de rapazas e rapaces como protagonistas de celebracións especiais na Casa de Rosalía, feito que era inusual noutras etapas.

O profesor alentou tanto as variadas actividades celebradas dentro e fóra da Matanza como as numerosas publicacións.  E se alguén ten un día interese en coñecer a historia da Fundación, o primeiro documento que atopará é a acta de 29 de xullo de 2005, que el fixo de puño e letra, contribuíndo con esta peza literaria a acabar coa interinidade na que a Casa de Rosalía viviu sete meses por liortas entre tirios e troianos.

NA CELEBRACIÓN DO 175 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA

NA CELEBRACIÓN DO 175 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA