Inicio » Artigos » MANIFESTO ECO-LINGÜÍSTICO

MANIFESTO ECO-LINGÜÍSTICO

Agosto 2011
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Introduce o teu enderezo de correo electrónico para subscribirte a este blogue e recibir notificacións dos novos artigos.

Úneche a outros 37 subscritores

 

Para ler o 27 de agosto de 2011 na parroquia de Quintá de Cancelada

Prezada xente miña: Como canceladesa que son, coas orixes en Pumarín, e como habitante que fun da parroquia de Quintá, que me deixou nas mans as súas nenas e os seus nenos durante sete anos, quero mostrarvos o cariño que me merecedes, a simpatía polo festival que estades a celebrar e o solidario apoio ao traballo de recuperación dos espazos que transitei e nos que tanto aprendín sobre Galicia.

 Vivín convosco os mellores anos da miña vida. A vosa paisaxe e vós mesmos estades no fondo da miña obra literaria. Sodes, terra e xente, un substracto esencial dos meus recordos. E quereríavos ver, se non tal como fostes, cando menos subidos a un progreso que non vos aparte da natureza nin de vós mesmos.

 En nome do progreso non se pode renunciar a ser quen se é. Non se pode abandonar a terra á súa sorte nin ao designio dos explotadores desaprensivos que só valoran os cartos e non se paran a pensar noutra cousa. Non se pode destruír a paisaxe. Non se pode aniquilar un idioma, aquel que sustentou os vosos gozos e os vosos padecementos. Se deixamos de ser quen somos, converterémonos en cinsa errante porque tampouco poderemos ser outra cousa.

 Saber que estades recuperando os camiños, restaurando as construcións, ocupándovos de vos subir aos tempos cos pés na vosa terra éncheme de alegría e, ao mesmo tempo, de señardade. Porque iso é o que facemos cadaquén coa nosa vida: deixar correr o tempo sen que nos deteriore demasiado e, adaptándonos a el, seguir mantendo o fío do que somos.

 Hai unha forma de benzón que aprendín das vocas dos vosos maiores, aqueles que nos deixaron a herdanza das palabras e da terra. Vóuvola devolver na miña cariñosa despedida: Maiaña vós que non permitiredes que Os Ancares desaparezan como paraíso, que Cancelada perda a súa fasquía nin que Quintá se destrúa polo tempo e o desleixo que caeu sobre o espazo rural de Galicia.

 Helena Villar Janeiro

En Rianxo e en agosto de 2011


7 Comentarios

  1. luis di:

    Moitas grazas polo seu escrito. Desexolle que os mellores anos da sua vida son os que veñen agora, o futuro sempre está doblando pola esquina. ¿Acaso non o ve? Por certo, bos días.

  2. Bos días. Graciñas polo aprezo. E ten razón: estes tamén son bos días aínda que o que revoa arredor non anima demasiado.

  3. A mellor forma de gardar as esencias é cultivandoas. Velaquí un bo xeito de facelo pola lingua: escribindo.

  4. Noemí Alonso di:

    Helena, que alegría ter de novo contacto contigo, e máis se é a través dun texto sobre Os Ancares. Acabo de descubrir este novo recuncho teu a través do Twitter, onde por certo te teño buscado e nada. Un pracer atopar un sitio máis onde te ler.

    PD: O Twitter é tamén unha boa ferramenta por onde poderías pasar… Aí deixo a invitación!

    Moitos bicos dende Noceda!

  5. Non estou porque temo non dar atendido. Pero pensareino. Vindo de ti o consello non pode estar mal. Unha aperta.

Deixar un comentario