Inicio » Manifesto » OFRENDA A ROSALÍA DE CASTRO O DOMINGO DAS MOZAS

OFRENDA A ROSALÍA DE CASTRO O DOMINGO DAS MOZAS

Outubro 2011
L M M X V S D
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Introduce o teu enderezo de correo electrónico para subscribirte a este blogue e recibir notificacións dos novos artigos.

Úneche a outros 37 subscritores

Coa venia de Dona Rosalía Castro de Murguía, quixera empezar, Sr. Alcalde e membros da Corporación Municipal, miñas donas e meus señores, facendo un agradecemento ao Concello de Lugo por me dar a oportunidade de estar hoxe aquí, facendo esta ofrenda de admiración e agradecemento á gran poeta que tivo vínculos estreitos coa cidade de Lugo, neste día grande das Festas do San Froilán e na efeméride dunha data muy importante da súa vida. Hoxe cúmprense 152 anos do casamento de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, conxunción da que habían nacer grandes froitos culturais para Galicia.

Andamos a celebrar o 125 aniversario do pasamento da poeta, pero non debemos facer a ofrenda a unha Rosalía morta, senón á Rosalía viva que nos arrastra prolongada nas súas obras. Precisamos o seu maxisterio. Necesitamos frecuentala para que nos alente nos desacougos vitais propios e nas angueiras colectivas da nosa sociedade, porque as causas que ela defendeu precisan aínda do noso compromiso. Este monumento que lle foi dedicado nun dos parques máis bonitos de Galicia, que leva o seu nome, pode e debe ser un dos lugares simbólicos onde atopala e moito mellor se a buscamos despois de tela lido; que nos libros é onde mellor se escontran os poetas.

Sendo Rosalía unha gran escritora universal, somos nós, galegas e galegos, quen máis necesitamos lela para que non nola interpreten, para que non nola pinten morriñenta, triste, solitaria, chorosa e mesmo santiña. Somos nós, galegas e galegos, quen debemos atopar a súa grandeza, a súa forza, a solidariedade e a mensaxe intemporal dos seus escritos.

En primeiro lugar, Rosalía é unha mestra da lingua, unha lingua que nos une e nos identifica como pobo. Sen aquel Cantares gallegos de 1863 o idioma propio de Galicia sería hoxe unha lingua ágrafa e residual ou, se cadra, inexistente. Grazas a ela, o galego alcanzou cotas de creación que admiraron grandes poetas doutras literaturas: Juan Ramón Jiménez, un namorado de Follas novas, do que tomou moitas notas e traduciu ao castelán o poema que coñecemos por Negra sombra, ou Federico García Lorca, que aprendeu a escribir galego na súa lectura e nos deixou unha xoia literaria nos Seis poemas galegos (1935)

Pero tamén é mestra na riqueza de contidos da súa obra. Rosalía non escribe “das pombas e as frores”, como di no primeiro poema de Follas novas. Os libros rosalianos teñen a capacidade de nos mostrar a Galicia do seu tempo, a través do coñecemento que ela tiña do noso medio físico e cultural que se concreta nun riquísimo vocabulario, en referencias xeográficas, e na descrición dos nosos costumes e do noso folclore. E da Galicia que pode ser coa defensa dos valores humanos que conteñen os seus poemas máis solidarios, sobre todo coas mulleres, que seguen a ser aínda as marxinadas da historia, da sociedade e da propia familia, como demostra a inexplicable persistencia da violencia de xénero, e cos pobres de todos os tempos e de todos os lugares que sofren toda clase de inxustizas de man dos poderosos, dos raposos da sangue maldito e dos fariseos e grandes da terra. Rosalía é tamén precursora dun dos movementos chamados a ser decisivos no cambio da sociedade deste novo século: o ecoloxismo e o respecto polo medio ambiente.

A palabra de Rosalía orienta a evolución cara a igualdade e a fraternidade. A súa pluma comprometida lévanos a non poucas reflexións arredor do fenómeno da emigración, daquela moi noso, que volve ameazarnos e que alcanza hoxe ás grandes migracións do planeta, pois cada vez e máis grande o número “dos que noutras terras/ tén que buscar pan”, padecendo nos países de acollida, se fosen acollidos e non deportados, grandes desarraigos e insuperables dramas familiares.

Rosalía foi unha poeta moi moderna é hoxe é unha poeta intemporal. Por desgraza para a humanidade, os seus poemas máis cívicos son referencias aínda ás circunstancias polas que pasa o mundo máis empobrecido, que é maioritario no planeta. E as análises e intuicións que fai nos seus versos relativos á condición humana, á dor, á morte, ás ansias de inmortalidade, á soedade radical que padece o noso espírito é unha canteira de versos nos que se ven reflectidos homes e mulleres de todos o tempos, de todas as xeografías e de todas as culturas.

Quixera deixar aos seus pés unha petición como recordo desta mañá de San Froilán na que se me enconmendou esta ofrenda: a recomendación de ler, ou de reler, a Rosalía. Ela ensina a apreciar o noso, a valorar o idioma milenario que herdamos dos antergos, a coñecer mellor a riqueza cultural dos nosos espazos e a sermos respectuosos con eles, a ser solidarios cos que sofren, a sermos sensibles perante as inxustizas, a valorar as capacidades creativas e intelectuais das mulleres, a profundizar nos propios pensamentos e mesmo a expresarmos ese resultado riba dun papel para nos coñecermos mellor. Rosalía non vos defraudará. Ao lado dos poemas que mellor retratan o pesimismo humano, Rosalía escribe outros con ese sentido do humor que é cerne do noso espírito. Ela desmostraravos en que consiste a máis fina das ironías e mesmo o máis espido sarcasmo. Por iso sei que moitos dos seus poemas conmoverán o voso espírito coa súa melancolía, pero outros arrancaranvos un sorriso ou unha aberta gargallada. Non fagades caso da lenda da Rosalía choroa e triste. Ela non fai máis que cantar unha dura realidade facendo dela unha verdadeira acta poética: “triste é o cantar que cantamos/ mais que facer se outro mellor non hai”.

 SAN FROILÁN 2010


4 Comentarios

  1. Eduardo Aroso di:

    Cheguei aqui. Vou de Coimbra à Galiza. SInto-me bem. Vou passear. Depois direi a minha impressão. Rosalía está aí à minha espera.

    Eduardo Aroso

  2. Unha fermosura chea de realidade. Eu lin moito todos os poemas de ROSALÍA, linnos, relinnos, metinos na alma todos e na memoria moitos deles que recito cunha devoción como si dunha oración se tratara. Moitos son oracións poetizadas ou poemas “oracionais”, segundo as miñas cativas reflexións.

  3. Sei moi ben do teu cariño por ela e dos teus paseos polo seu xardín, non en van teño sido testemuña. Naquel xardín tamén quedou o mellor de min mesma. Moitas veces voo cara alí para descansar. Porque non é preciso estar fisicamente. Eu xa creo que estiven para sempre.

Deixa unha resposta a Eduardo Aroso Cancelar a resposta